Saturday 11 de May de 2024

O Concello de Oleiros inviste 120.000 euros en axudas ás persoas usuarias dos comedores dos centros de ensino público do municipio xestionados polas ANPAS durante o curso 2023/24


No primeiro trimestre do curso 2023/2024 distribuiranse 65.000 euros entre as ANPAS que xestionan estes comedores para que rebaixen o prezo do menú dos usuarios solicitantes.

Esta rebaixa poderá realizarse mensualmente, rebaixando a factura do comedor, ou entregando a cantidade total que corresponda nun único pago a final de curso. Neste sentido, por exemplo, aquelas familias con persoas usuarias que acudan ao comedor escolar 5 días á semana, poden obter unha rebaixa de 118 euros por usuario aproximadamente

Por outra parte, antes de que remate o ano 2023 convocaranse as axudas para a asistencia a comedores escolares dirixidas a familias con menos recursos económicos e cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros. Neste caso a partida a repartir será 55.000 euros, con dous tramos de axuda dependendo da renda dispoñible:
– De 0 a 3.000 euros: 650 € por usuario.
– De 3.000,01 a 6.000 euros: 400 € por usuario.
Estas axudas aboaranse unha vez finalizado o curso escolar. Ambas axudas son compatibles.

A maiores, a Concellería de Servizos Sociais ten aberta unha liña de axudas para comedores escolares a familias en situación de emerxencia social.